A MARUXAINA


San Cibrao, Concello de Cervo, Lugo.

"Conta a lenda da Maruxaina que dende tempos inmemoriais vive esta serea ou nereida nas illas dos Farillós, alí onde o mar Cantábrico verte a súa forza sobre as rochas rexas e desafiantes do seu poder. Esta ninfa mariña áchase fiando no cume da illa da Sombriza, vixiando mar e mariñeiros no seu devir diario, aínda que se discute sobre as súas intencións, sendo este motivo de agrias polémicas entre os mareantes do pobo, posto que mentres uns pensan que os avisa do temporal, outros aseguran que canta para seducilos e facelos embarrancar. Nesta disquisición os diferentes bandos empregan diversas características para tratar de impoñer a súa versión. Así, para os defensores da súa bondade, esta é unha serea con cara de vella, sabia e intelixente coma ningunha outra e disposta sempre a salvar ós mariñeiros das poutas do mar embravecido.
Para os seus detractores máis recalcitrantes, entre eles as máis das mulleres do pobo, a Maruxaina é unha rapaza nova, de loiros e longos cabelos, dotada dunha beleza singular e dunha voz prodixiosa, máxica e engaiolante, que emprega para, nunha pérfida acción, atrae ós mariñeiros ó seu lar submarino e poder alí gozar da súa compaña. Esta mortífera artimaña é froito da envexa que a serea ten da felicidade das mulleres dos mariñeiros, quenes os teñen ó seu carón todo o duro inverno, desfrutando da súa atención."
                                                                                                   (Texto extraído da web oficial da Maruxaina)

Ningún comentario: