Arcón da vella



Tremendo arcón!!!.

Aínda nunca nos meus taetantos anos ollara un arco da vella tan grande e luminoso desde a miña casa, e posiblemente desde ningún outro sitio. E claro está que tendo a cámara sempre disposta non podía máis que collelo para mín para sempre e para compartilo por aquí.




#quedonacasa

Norte no oeste



Fotografía de dobre exposición, paisaxes sen saír da casa.

#quedonacasa


Solpor na Costa Artabra



Outro día de quedar na casa mirando a caixa das fotos. 
Ollando esta fotografía que fixen hai un mes no Cabo Prioriño, pouco antes de que nos confináramos na casiña por culpa de este virus que está a gobernar o mundo, víñaseme á cabeza a lembranza daquel día: frío, choiva ás veces,  moito vento que brúa no aceiro que conforma o mirador de aves mariñas e unha bonita luz que me permitiu traerme algunha imaxe chula da borrasca que traía o Océano Atlantico entrando na ría de Ferrol, do faro, do solpor...do solpor que ilumina este moderno e metálico edificio no que algún día o politico de turno puxo a placa conmemorativa que nos lembra e lembrará ás vindeiras xeneracións que o visiten no futuro, que un día pasou por aquí para agasallarnos con isto, un centro interpretador dunhas ruínas arquitectónicas das baterías militares do século XVIII que trasladaron para aquí coa construcción do porto exterior etc, etc.  
Non sei... a min paréceme máis ben un edificio esquecido e abandonado que non interpreta nada e que non serve nin para abrigarse cando chove e vai vento , e isto seino por experiencia propia.

#quedonacasa


O balcón.


#quedonacasa 

Hoxe apercibíronme con toda a razón. Grazas!


Perdón, non cumprín co confinamento.

Esta mañá cando fun a depositar o lixo e o papel ós contenedores que están máis próximos á miña casa, xusto diante da porta dun supermercado, ocorréuseme (coma case sempre) colgar a cámara ó lombo, aínda co medo no corpo pola experiencia de onte e sabendo que seguramente atoparía a algún máis polo camiño. Non atopei a ningún, depositei as bolsas nos contenedores e mirei cara ó aparcadoiro do super, que está pechado por ser domingo, sospeitando o que ía a atopar. Efectivamente, na pouca distancia que nos separaban e a pesar da miña miopía distinguín perfectamente a tres deles, aparentemente tranquilos, coma se agardaran a que viñera un soplo de vento. Non fun quén de resistirme a entrar no aparcadoiro a fotografalos.
Cando xa chegara ós confíns do asfalto onde uns catro individuos xa estaban a piques de pasar ó entorno natural, sentín o bruar dun coche detrás de mín, separei a cámara e vin que era unha patrulla da policia municipal que se achegaba para identificarme. Unha vez que recolleron os meus datos persoais e atenderon a miña explicación de porque estaba alí facendo fotos fun moi correctamente apercibido de que non podía estar alí e que si volvía a suceder sería sancionado. 
Comprométome a partir de agora a non sacarlles máis fotos, agás ós que invadan a miña casa ou ós que me atope sin desviarme do camiño cando teña que saír necesariamente da casa e agradezo aquí públicamente a máis que correcta actuación dos axentes realizando o seu traballo.

#quedonacasa
   




Por certo, non todos son dos de regalo...

S.O.S., invádennos!!!



Hoxe, mentras almorzaba tranquilamente ollando as redes sociais, vin no feisbuk unha nova páxina que abreu o meu concello (#Fenequedanacasa) para manternos entretida a toda a veciñanza que a visite nestes tempos do confinamento que estamos a pasar. Fan varias propostas que me pareceron moi interesantes para o entremento de nenos e maiores e ata para a saúde, entre elas unha en especial para mín dada a miña condición... unha que fai un chamamento a que subamos fotos do noso concello desde as nosas casas agora, e cando remate esta situación subir outra igual para ver a diferencia entre as dúas e que así quede coma unha testemuña para o futuro do que nos pasou en Fene e no mundo, e que incluso poderán pasar a formar parte dunha exposición futura e do arquivo fotográfico municipal. Guai!, pensei mentras baixaba para o meu tallerobradoirogaraxe, que afortunadamente teño na casa, terei que pensar unha foto. E púxenme a argallar por aquí noutras cousas.
De repente vin pasar por diante de min unha luva voando. Si, un de esos guantes de plástico superfinos cos que hoxe nos agasallan os supermercados, farmacias e máis establecementos que aínda están abertos para que nos protexamos. Pareceume unha foto interesante para o meu arquivo e lóxicamente collín a cámara por si volvía ou viña outra, asómome á porta e por alí viña outra, e outra, e outra máis... varias de elas entraron no taller sin que poidera facer nada por evitalo, conseguín reducilas, alomenos a tres, pero non sei si queda algunha escondida. 

Entrei en pánico!!!.

S.O.S., necesito axuda por favor!!!.

Non quero nin imaxinar como será a foto de despóis.










Esta incluso intentou atacarme cando pousei a cámara no chan para encadrar...





Nota: Lóxicamente para poder confirmar e documentar esta invasión tiven que saír da casa, pero non máis aló de dez metros de distancia.


#quedonacasa

Solpor desde o confinamento



Hoxe non vin o ceo bonito en todo o día ata as últimas horas, creo que aproveitou o momento no que eu tiña a cámara nas mans e estaba pensando en facer unha dobre exposición.

#quedonacasa

Hoxe prestaríame sentir un río...



Non é só unha imaxe do río Belelle.

Entre as cousas que me fan sentir afortunado grazas á fotografía é a gran cantidade de sensacións, momentos, sons e tamén, como non, sentimentos que quedan gravados nalgún sitio xunto coas imaxes que veñen para a casa na cámara e que o día que abro a miña "caixa de zapatos" para disfrutar daquelas fotografías volven a aparecer como si formaran parte da imaxe que estou mirando.
Cousas da fotografía.

#quedonacasa