AUDIOVISUAL #RIOSDEFENE



#RIOSDEFENE é un proxecto fotográfico no que intento abordar desde os puntos de vista documental, arquitectónico e da fotografía de autor a situación e o estado actual dos que no seu día foron as "redes sociais" da nosa cultura, os ríos de lavar (lavadoiros) que, ó igual que en moitos outros lugares da nosa Galiza, espalláronse durante os tres primeiros cuartos do século XX, principalmente nas décadas dos cincuenta e sesenta, alí por onde había un manantial, regato ou río que regase as terras do meu concello, Fene. O proxecto componse con 138 fotografías recollidas nun audiovisual de cinco minutos e nun libro con mapas de localización dos ríos e unha exposición cunha selección das fotografías.

Trátase dun paseo circular que recorre 7 das 8 parroquias fenesas: Fene, Sillobre, Magalofes, Barallobre, Maniños, Limodre e Perlío, xa que San Valentín foi urbanizada cando as lavadoras eléctricas empezaban a converterse no peor inimigo para estas emblematicas construccións durante os anos setenta. Neste paseo visito os "ríos" públicos ou privados a os que calquer camiñante pode acceder polos rueiros e camiños de este concello situado a o sur da Ría de Ferrol.

Con esta obra trato de poñer en valor a importancia etnográfica de estos "centros de lavado" construídos para que as mulleres tiveran a roupa da súa familia limpiña, lavar as tripas do porquiño despóis da matanza... Lugares sociais e de reunión que a os nenos nos servían como improvisados parques de xogos e esporádicas piscinas estivais de xélidas augas, centros de aprendizaxe para as nenas, que gastaban os últimos cachiños daquel xabrón moitas veces feito na casa, puntos de quedada da rapazada e que a tantas e tantas parellas acubillaron naquelas tardiñas dos seus comenzos amatorios.

Públicos, particulares de uso público, ruínas de pedra e cemento, reconstruccións actuais e fermosas simbiosis coa natureza, a auga e o entorno que aínda hoxe seguen a facer parte do seu bo labor á sociedade actual.

Unha mención especial merece Sillobre, que gracias á súa orografía soubo aproveitar os recursos económicos dos seus ríos creando unha rede de "lavandeiras", mulleres que se adicaban a recoller a roupa sucia dos "señoritos" de Ferrol para lavala e volverlla limpa para as súas casas, inundando de branco os prados, silveiras e campeiros das fincas onde se agochan o case centenar de lavadoiros particulares que aínda hoxe existen.

Nesta colección non están todos os que son, pero sí son todos os que están... Ben, algún xa non é nin está.

Xan Xe


Ningún comentario: