Había un dinosaurio na praia de Doniños



Onte, nunha bonita mañá solleira e fresca, típica do outono galego, fun dar un paseíño á praia de Doniños, na costa ferrolana, coma sempre coa cámara colgada. Cando xa estaba marchando, despóis de pasarme un bo anaco afotando as olas e as pedras que empezaban a iluminarse coas raiolas, pareceume ver na area unhas pegadas que chamaron moito a miña atención, eran moi pequenas e mestas, seguinas coa ollada e de súpeto "flipei", non podía crer o que estaba a ver, agacheime un pouco, con moito tino de non facer ruído para asegurarme do que me parecera ver, fixándome mellor na mancha verde e alaranxada que ía movendose pola area cara as dunas.

Pousei moi amodiño o trípode, non podía arriscarme a asustalo montando a parafernalia típica para unha boa foto e perder a que podía ser a miña única oportunidade de retratalo, así que collín a cámara na man e pouco a pouco fun pousando os xeonllos na area e despóis os cóvados, ó mesmo tempo que collía aire para aguantar a respiración. Tiña que asegurar alomenos un disparo. 

Xa!.

Tíñao :-) !!!.

Alomenos tres fotogramas. A cámara aínda estaba en modo ráfaga despóis da sesión de olas. Xa podía respirar.

Tranquilamente adentrouse entre as herbas das dunas, seguino amodo e decateime de que él (ou ela) xa me vira a min, pero parecía non darlle moita importancia á miña presencia.

Aproveitei o tempo no que estivo atravesando as dunas iluminado polo agarimoso sol da mañá para sacarlle algunha foto máis, ata que se meteu na espesura dos matoxos.


Supoño que ía camiño do lago.

Tamén había por alí, coma sempre en caseque todolos lados, pegadas de humanos.

Ningún comentario: